O Consello Municipal de Turismo mantivo a súa primeira reunión ordinaria logo de sete anos. O Auditorio de Galicia acolleu a xuntanza deste renovado Consello, que se constituíu no pasado mes de setembro, coincidindo coa celebración do Dia Mundial do Turismo.
Presidida pola concelleira de Turismo, Marta Lois, responde ao calendario fixado na xuntanza constitutiva, que establece que o órgano reunirase trimestralmente. Na orde do día tratáronse catro puntos destacados: valoración dos resultados turísticos do 2016, Plan Estratéxico 2017-2022, Camiño 2021 e Taxa Turística.
No primeiro punto, dende Turismo de Santiago presentouse un informe cos principais datos do ano 2016, que amosan que a cidade viviu un grande ano turístico, con récords en pernoctacións, en tráfico no aeroporto e no Camiño de Santiago. As pernoctacións totais foron 1.373.491, superándose por primeira vez as 1.300.000 pernoctacións nun ano non Santo. O aeroporto tivo por primeira vez máis de 2,5 millóns de pasaxeiros. E o número de peregrinos superou o récord do Ano Santo 2010, con 278.224.
Turismo de Santiago anunciou a súa vontade de convocar un concurso para elaborar un novo Plan Estratéxico para o turismo da cidade, que cubriría o período 2017-2022. Este será o segundo Plan Estratéxico. O primeiro elaborouse no 2003 e estivo en vigor ata o ano 2008. No 2009 elaborouse unha actualización deste Plan Estratéxico, definida para o período 2009-2015.
A validez deste Plan Estratéxico estenderase ata o ano 2022, porque dende Turismo de Santiago considérase que ten que ser unha ferramenta concibida para transformar o modelo turístico da cidade, adaptándoo aos tempos. O Plan ten que ter en conta o Ano Santo 2021, pero ten que transcendelo, porque o sector turístico non pode funcionar só pendente dos Anos Santos, senón que ten que desenvolver un modelo sostible no tempo e rendible para o conxunto da cidadanía.