Este ano o Arde Lvcvs MMXVII se celebrará os días 30 de xuño, 1 e 2 de xullo, e contará cun cartel anunciador que estará protagonizado por distintos elementos característicos dos festexos, como son o lume ou a Muralla.
A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre, deu a coñecer este cartel, "En llamas", obra do coruñés Simón Agulla Alonso, que será a imaxe oficial desta festa declarada de Interese Turístico Galego, que recibirá un premio de 1.000 euros
Do 18 ao 24 de febreiro o Concello tivo aberto o prazo de votación popular para que a cidadanía escollese os dez traballos finalistas, entre os que o xurado profesional, do que formaron parte os fotógrafos, José Reigosa e Pepe Álvez, e os deseñadores gráficos, Julio César Seijas e Lucía Barrio, escolleu a obra gañadora desta edición.
Carmen Basadre amosou a súa satisfacción pola alta participación neste certame, que no proceso de votación popular a través da páxina oficial en Facebook chegou a preto de 11.000 votos e a publicación tivo un alcance de máis de 163.000 persoas.
Para máis información sobre o Arde Lvcvs, pódese consultar a páxina web www.ardelucus.com e as contas oficiais nas redes sociais facebook, twitter, instagram e youtube.