Segundo os últimos datos do Instituto Nacional de Estatística (INE), no pasado mes de xaneiro Galicia rexistrou un crecemento no volume de pernoitas nos establecementos hoteleiros do 2,6%, ata situarse nas 272.488. En termos de mercado observouse un importante incremento do turismo internacional con respecto ao ano pasado, con máis de 49.000 pernoitas, a cifra máis elevada neste mes desde 2009.
Pola súa parte, o turismo interno –aquel representado polos residentes en Galicia- tamén experimentou un incremento no seu volume de pernoitas, do 6,2% neste caso, auspiciado pola mellora da cifra de viaxeiros aloxados, do 5,5%. É o segundo ano consecutivo no que se observa un incremento do turismo interno neste primeiro mes do ano –xa en 2016 se rexistrara unha suba do 3,9%- o que da como resultado que este mercado rexistre algo máis de 113.000 pernoitas, a cifra máis elevada dos últimos cinco anos.
En termos globais, no pasado mes de xaneiro a nosa comunidade incrementou tamén a cifra de viaxeiros no primeiro mes do ano nun 3,8% neste caso ata acadar un total de 154.630 neste período, un incremento que se traduce en 5.700 novos viaxeiros con respecto ao ano pasado.
Este é o segundo ano consecutivo no que Galicia rexistra unha mellora dos seus niveis de viaxeiros aloxados neste mes de xaneiro acadando neste ano a cifra máis elevadas dos últimos nove anos. Así mesmo, a ocupación hoteleira tamén mellorou con respecto ao mes de xaneiro do ano pasado acadando a cifra máis elevada nos últimos oito anos.
Pola súa parte, a nivel estatal rexistrouse tamén un comportamento positivo da demanda hoteleira, con melloras tanto da cifra de viaxeiros aloxados coma das pernoitas, incrementándose nun 5,8% e nun 3,5% respectivamente.