A camelia como recurso turístico diferenciador

@sientelacamelia
A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, referiuse á divulgación e formación ao redor da camelia, como un factor decisivo na conservación e promoción desta flor. Do mesmo xeito, engadiu, contribúe a que se consolide como un recurso turístico diferenciador e de calidade.

A responsable de Turismo da Xunta fixo estas declaracións durante a clausura das ‘I Xornadas Internacionais da Camelia’, celebradas esta fin de semana en Ribadumia e nas que se falou de asuntos como o potencial da camelia como experiencia de coñecemento, gastronómica, vivencial e de destino, así como o seu papel en terapias de benestar. 

As xornadas celebráronse no Pazo Quinteiro da Cruz, un dos doce espazos que integran a Ruta da Camelia, o itinerario deseñado por Turismo de Galicia para percorrer a nosa comunidade a través de pazos e xardíns onde a camelia habita en todo o seu esplendor e que se está a converter nun potente recurso turístico para Galicia. “Permite posicionarnos como destino experiencial, é todo un referente internacional e axúdanos a desestacionalizar a nosa oferta”, indicou Nava Catro.