A conselleira do Mar, Rosa Quintana, participou nunha xornada de promoción dos produtos do mar enmarcada na campaña Do mar ao prato. A través desta iniciativa, a Xunta realiza en 12 centros de formación de hostalería de Galicia charlas informativas sobre diferentes aspectos relacionados co mundo do mar e actividades de preparación e degustación de pratos elaborados con peixes e mariscos.
As actividades que se enmarcan nesta iniciativa e que se realizan nos centros de hostalería son sesións maxistrais que consisten en charlas informativas sobre o sector pesqueiro galego, os produtos e especies pesqueiras de Galicia, a trazabilidade e a seguridade alimentaria, artes e aparellos de pesca, conservación e transformación de produtos do mar e nutrición e saúde, entre outros aspectos. Estas charlas contan coa colaboración de Anfaco-Cecopesca, que propón perfís técnicos de diferentes disciplinas para estas sesións.
Ademais tamén comprende demostracións de cociña en vivo impartidas por cociñeiros, cunha importante traxectoria profesional, que falan das propiedades de produtos do mar, a súa elaboración, transformación, conservación e posibilidades gastronómicas. Estes cociñeiros son Xoan Crujeiras, do restaurante A Estación, de Cambre; Javier Rodríguez Ponte, Taky, do Catering Boketé, da Coruña e do Grupo Nove; Héctor López, do Restaurante España, de Lugo; Flavio Morganti, do restaurante Galileo, de Ourense e Emma Pinal, do Gastrobar O Birrán, de Ribadavia.