Gala anual da Asociación Provincial de Hostelería e Turismo de Lugo no Hotel Torre de Núñez

O Hotel Torre de Núñez acolleu o encontro dos profesionais da hostalería da provincia de Lugo, na que se entregaron os galardóns que a APEHL outorga cada ano a hostaleiros cunha longa traxectoria profesional no sector e a persoas ou organismos que apoian incondicionalmente a difusión e promoción da gastronomía e turismo da rexión.

O presidente da Asociación Provincial de Empresarios de Hostalería e Turismo de Lugo, APEHL, Cheché Real, foi o encargado de entregar o premio de Embaixador Hostaleiro da Provincia 2017 a Francisco Vázquez López. Natural de O Páramo marchou a Madrid con 18 anos, subliñando que “levou e segue levando o nome dos produtos lucenses fóra das nosas fronteiras e puxo sempre o seu gran de area para que o lema …E para comer, Lugo sexa ben recoñecido no resto de España”.

Os outros homenaxeados por Toda unha vida nos fogóns foron Rosario Abeledo Castro, do Mesón Santa Marina, de O Corgo; Josefa Díaz Maseda, do Restaurante Polar, de Lugo; Aurora López Herbón, do Madeira, de Lugo; Manuel Pena Varela, do Restaurante Cofín, de Lugo; Mª Luz Somoza Fernández, do Restaurante Durán, de Escairón; e Angel Cobas Lourés e Ana Veres Fernández, do Restaurante Cobas, de Lugo.

Cheché Real fixo referencia especial a esta edición do encontro xa que “a APEHL cumpre 40 anos. 40 anos de esforzo, de ideas, iniciativas, proxectos… todos eles para facer que o sector hostaleiro e turístico da provincia se mantivera no camiño do progreso e da innovación, como non podía ser doutra maneira”. Rematou agradecendo o apoio incondicional de todos aqueles que teñen colaborado coa asociación que preside e a todo o público a súa asistencia á gala.


O evento reuniu a máis dun cento de hostaleiros chegados desde diversos puntos da provincia e contou coa presenza de representantes da sociedade e da política lucense e galega, entre eles a alcaldesa de Lugo, Lara Méndez; o presidente da Deputación Provincial, Darío Campos; o subdelegado do Goberno en Lugo, Ramón Carballo; o delegado territorial da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Balseiro, e a directora de profesionalización de Turismo de Galicia, Marta Fernández.