Membros do gabinete da Consellería Medio Rural notificaron recentemente ao presidente do Consello Regulador, Francisco García, a intención de Ángeles Vázquez de visitar a comarca de Valdeorras para coñecer, de primeira man, a realidade do sector vitivinícola da comarca. Durante a visita, que terá lugar, previsiblemente, o vindeiro martes, a titular de Medio Rural entrevistarase co presidente do Consello Regulador e desprazarase ata as instalacións dalgunhas das bodegas da zona. O presidente do Consello Regulador anunciou esta visita oficial aos vogais do Pleno esta mañá.
Xunto a isto, García Álvarez informou ao Pleno de que se prorrogan para 2017 os orzamentos do organismo, ao estar a Presidencia en función. Na xuntanza ordinaria de hoxe tamén se deu luz verde á memoria de actividades de 2016, que recolle a totalidade das accións desenvolvidas polo Consello Regulado ao longo do pasado ano.