A Deputación de Pontevedra acaba de presentar a nova campaña de promoción turística que leva por lema "Rías Baixas moito por descubrir, Rías Baixas por moitas razóns". Foi presentada pola presidenta Carmela Silva, arroupada polo diputado delegado de Turismo, Santos Héctor, e polos alcaldes de Tui, Enrique Cabaleiro; Lalín, Rafael Cuiña; Barro, José Manuel Abraldes; Sanxenxo, Gonzalo Pita; O Rosal, Jesús María Fernández; O Grove, José Antonio Cacabelos e Cambados, Fátima Abal; ademais do coordinador do Rías Baixas Fest e o xerente do Instututo Galego do Viño, Jorge Vila.
A imaxe desta campaña son as matrioskas, as bonecas rusas que se encaixan unhas dentro doutras, e que ven a simbolizar o que se pode descubrir no destino Rías baixas, no destino Pontevedra; bonecas todas elas diferentes, con suxestións infinitas, como infinitas son as razós para vir a un destino que en 2016 incrementou un 31% o número de visitantes e acadou 2,1 millóns de pernoitas, segundo apuntou Carmela Silva..
A campaña que ten como obxectivo, como non podía ser doutro xeito, desestacionalizar a oferta, xira, neste Ano Internacional do Turismo Sostible sobre catro produtos: o Rías Baixas Fest, Cruzando Camiños, Enoturismo e Excelencia Turística.
O Rías Baixas Fest, unha marca, cunha ruta específica, que aglutina unha serie de festivais musicais, que se potencia nesta edición e que xa o ano pasado acadou máis de 200.000 visitantes, cun retono económico de 15 millóns de euros, que xerou 1.500 postos de traballo e que propiciou unha ocupación do 100% nos concellos que os acollen, segundo as cifras facilitadas pola presidenta da Deputación.
Cruzando Camiños, promoción das rutas xacobeas que cruzan a provincia e que transcurren por 33 concellos: o Camiño Portugués, o segundo máis importante de todas as rutas de peregrinación a Compostela; o Camiño pola Costa, que dende a Guarda a Vigo, empata co Portugués en Redondela; a Vía da Prata e o Camiño de Inverno (ambos os dous pasan por Lalín), a Ruta do Pai Samiento, variante do Camiño Portugués, que dende Pontevedra adéntrase no Salnés para volver a coincidir co Portugués en Pontecesures e a Ruta do Mar de Arousa e Río Ulla que foi por onde entrou a barca de pedra cos restos do Apóstolo, segundo a tradición.
O terceiro eixo desta campaña é o enoturismo, nun exercicio no que Cambados, a capital do Albariño, é a Cidade Europea do Viño 2017 é, finalmente, o outro bastión da campaña é a Excelencia Turística, nunha provincia que conta con 203 empresas con distintivo SICTEC (Calidade Turística en Destinos) e 22 novas empresas que solicitaron esta certificación. Ademais, Sanxenxo é o segundo destino español con máis establecementos con Q de Calidade, por detrás de Madrid.
Esta campaña será presentada e Vigo, Madrid, Lisboa e Porto, e difundirase noutros puntos do exterior a través das Casas de Galicia, segundo anticipuo Carmela Silva.