Turismo de Galicia acaba de abrir a convocatoria de candidaturas para optar á concesión da distinción de Comendador da Gastronomía de Galicia, un novo recoñecemento que se entregará este ano por vez primeira e co que se recoñece o traballo individual e colectivo na promoción e dignificación dos produtos alimentarios e da gastronomía de Galicia.
Esta distinción –de carácter vitalicio e honorífico- poderá outorgarse á persoa, entidade, asociación ou colectivo que, no seo da Comunidade Autónoma de Galicia, contribúa dun xeito singular á mellora e promoción dos produtos alimentarios e da gastronomía de Galicia.
Outorgaranse anualmente dúas modalidades: a individual e a institucional. Con este recoñecemento os comendadores da gastronomía comprométense a difundir os valores propios da cultura dos sectores produtivos alimentarios galegos, así como a dar a coñecer os produtos alimentarios e a gastronomía de Galicia en restaurantes de referencia no ámbito nacional e internacional.
Ademais, deben facilitar o establecemento de novas canles de comercialización para os produtos alimentarios de Galicia, achegar as figuras relevantes no mundo da cociña o coñecemento da cultura enogastronómica galega, potenciar e dar a coñecer os produtos galegos de calidade diferenciada.
Para poder presentar as candidaturas deberá presentarse a solicitude segundo o modelo oficial da resolución publicada no Diario Oficial de Galicia (DOG) de 20 de abril, xunto coa documentación requirida nas bases.