A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez,
reafirmou o apoio da Xunta á promoción de Cambados como Cidade Europea do
Viño 2017 e, en xeral, dos viños galegos, partindo da súa “indiscutible
calidade e a súa vinculación co territorio”.
Vázquez lembrou que a Consellería está a poñer
en valor esta distinción de Cambados nas diferentes feiras e eventos
sectoriais, tanto directamente como a través do Consello Regulador da
Denominación de Orixe Rías Baixas. Esta promoción enmárcase nas iniciativas de
divulgación dos viños galegos nos diferentes mercados nacionais e
internacionais.
A titular de Medio Rural asistiu en Madrid á
presentación de “Cambados Cidade Europea do Viño 2017”, que tivo lugar no Túnel
do Viño no marco do Salón Gourmets. Alí, Ángeles Vázquez salientou que desde o
primeiro momento o Goberno galego apoiou este recoñecemento á vila de Cambados,
que definiu como “punto de referencia da cultura vitivinícola”. Algo que,
engadiu, ponse de manifesto con fitos como a festa do Albariño ou polo propio
patrimonio histórico e artístico que atesoura esta localidade do Salnés.