Iniciada en 1996, a Festa do Congro desplégase en Muxía na sinalada data do Venres Santo e alcanza con esta a súa vixésimo- primeira edición. Trátase de exaltar este saboroso peixe mariño e servilo para a súa d egustación-en caldeirada, empanada, guisado ou á prancha- a presos populares.
Centos de persoas darán boa conta de mais de 1.500 racións da branca carne do congro -nesta terra chamado tamén Anguiacho polo seu parecido coa anguía- que ten aquí os últimos secadoiros, un método de conservación tradicional, xa referenciado en documentos do século XVIII.
Muxía conta cos únicos secadoiros de congro de Galicia, e de España. Chegou a ter tres e hoxe quedan só dous: o dos Cascóns e o da Pedriña. O proceso do secado do congro é artesanal e as pezas, debidamente cortadas e preparadas, son colgadas nas cabrias –estruturas de madeira- para a súa curación ao sol e o vento do lugar.
Muxía aparece na parte noroccidental da provincia da Coruña. O municipio está integrado na comarca de Fisterra e no epicentro do xeodestino da lendaria Costa da Morte. Sinalan os seus límites polo norte a ría de Muxía-Camariñas, o río Castro no sur, no leste os municipios de Dumbría e Vimianzo e no oeste o océano Atlántico.
A costa muxiá é variada e abrangue desde o esteiro do río Grande de Ponte do Porto ata a desembocadura do río Castro no extremo sur da Praia de Lires. Son salientables os cantís (acantilados) e asemade os seus singulares complexos dunares como os da praia de Nemiña.
Estamos nun espazo de grande atractivo, con chamadas moi diversas para os viaxeiros, entre os que sobrancean os peregrinos a Compostela que converten en necesario estrambote do Camiño a ruta que leva a Muxía e a Fisterra. Nese espazo referencial da Costa da Morte, unha referencia importante e ineludible é o santuario da Nosa Señora da Barca.