termasdecuntis.com |
A XII edición dos Encontros das Vilas Termais e Asemblea da Sección de Entidades Locais con Augas Minerais e Termais da Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) se celebrará nos concellos de Caldas de Reis e Cuntis o venres 7 de abril e o sábado día 8.
Organizadas pola FEMP coa colaboración da Deputación de Pontevedra e da Xunta de Galicia, estas xornadas tratarán aspectos como as políticas públicas de saúde, a lexislación ou a innovación e a vangarda da industria do termalismo e da hidroloxía médica, pero tamén do turismo de saúde e de wellness, dos modelos de negocio e tamén dos modelos de desenvolvemento das vilas termais.
Ademais da Presidenta provincial, Carmela Silva, asistirán o presidente da FEMP e alcalde de Vigo, Abel Caballero, representantes da Xunta de Galicia e rexedores e rexedoras das vilas termais da provincia de Pontevedra, de Galicia, do conxunto do Estado español e tamén doutros países, que falarán sobre as súas experiencias en termalismo e os seus modelos de cooperación entre concellos.
Carmela Silva porá en valor as políticas sociais que desenvolve a institución provincial ao abeiro do termalismo, en concreto a través do programa "DepoTermal" do Servizo de Cohesión Social e Xuventude, os e as asistentes tamén terán a oportunidade de coñecer algúns dos recursos naturais e patrimoniais máis importantes da provincia de Pontevedra, como os xardíns do Castelo de Soutomaior, propiedade da institución provincial, o xacemento arqueolóxico da Lanzada, onde o equipo de arqueoloxía da Deputación de Pontevedra levou a cabo recentemente importantes achados, ou os cascos históricos de Combarro, en Poio, e Pontevedra.