A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio leva a marca Galicia natural e única á feira internacional de turismo de Barcelona B- Travel, que se celebra ata o domingo na Cidade condal. Esta feira, na que Medio Ambiente participa dentro do stand da Axencia de Turismo de Galicia, é considerado o segundo evento máis relevante de España no eido turístico e conta coa participación de distintas delegacións nacionais e internacionais.
Este foro ofrece xornadas exclusivas dirixidas aos profesionais do sector e outras enfocadas ao público en xeral. Tamén está considerado como un referente o turismo experiencial no que mistura a proposta viaxeira e a gastronómica.

Con esta iniciativa, Medio Ambiente impulsa a posta en valor dos recursos naturais galegos, como elementos atraentes de turismo no marco do desenvolvemento sostible, a protección e o aproveitamento racional do ecosistema. Cómpre lembrar que o 2017 está declarado como o Ano Internacional do Turismo Sustentable, co que existirá un especial interese na oferta de experiencias viaxeiras relacionadas coa natureza. De feito, a organización da feira catalá organizou no salón B-Adventure, unha zona tematizada relacionada co contacto coa natureza, os deportes ao aire libre e os espazos naturais orientados ao turismo.