O Parque Nacional Marítimo Terrestres das Illas Atlánticas de Galicia convértense no primeiro destino galego e nas primeiras illas en recibir o selo Observer, que os acredita como o primeiro destino de turismo científico de Galicia. Este selo convértese no cuarto certificado, xa que se suma ao certificado Starlight, a certificación Quality Coast e a adhesión á Carta Europea de Turismo Sostible (CETS, da Fundación EUROPARC).
Segundo explicou a conselleira de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, Beatriz Mato, as Reservas Científicas Observer son espazos naturais protexidos, de excepcionais características e valores, cuxa riqueza natural e singularidades convértenos en espazos únicos nos que xa se veñen desenvolvendo actividades científicas, non só de carácter turístico senón tamén de investigación.
A conselleira de Medio Ambiente destacou que o turismo científico é un sector en pleno desenvolvemento, polo que o Goberno galego quere potenciar esta modalidade turística orientada ao fomento dunha cultura científica que permite explicar os valores dun territorio da man do coñecemento científico xerado neles.
A conselleira avanzou que a Dirección Xeral de Patrimonio Natural traballará para que ao longo de 2018 se poida conseguir este selo para os seis parques naturais galegos. Salientou que a concesión do certificado constitúe un compromiso da Xunta polo establecemento dun modelo de turismo científico regulado e polo desenvolvemento de novos produtos turísticos vinculados á divulgación da ciencia.