Máis agricultura ecolóxica para potenciar o rural

A Xunta destinará 4,3 millóns de euros nos próximos anos para fomentar a agricultura ecolóxica en Galicia. Estes fondos consígnanse no Plan de fixación da poboación no rural e permitirán ampliar nunhas 8.000 hectáreas a superficie ecolóxica na nosa Comunidade, que actualmente se sitúa nas 27.000 ha. 

Así o explicou a conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, na presentación da memoria anual correspondente a 2016 do Consello Regulador da Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega), na que estivo acompañada polo seu presidente, José Antonio Fernández, e pola directora xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, Belén do Campo.

Nesta presentación, a titular de Medio Rural cualificou a produción ecolóxica como “referente” dentro do agro galego, “non só polo seu peso económico, senón tamén pola súa trascendencia social, ambiental e ata cultural, porque o ecolóxico conforma toda unha cultura de produción e consumo”, engadiu. E en relación co consumo, a conselleira puxo en valor datos achegados polo Craega, que sinalan que case o 92% dos galegos coñece ou escoitou falar dos alimentos ecolóxicos, sendo a saúde a principal motivación para consumir este tipo de produtos. Os que se adquiren con máis frecuencia son as froitas, seguidas das verduras frescas e os lácteos.