A Consellería de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio pon en marcha o novo servizo de atención aos visitantes nos parques naturais de Galicia cuxo obxectivo é a concienciación ambiental da sociedade e a divulgación e promoción do turismo de natureza sostible. Así o anunciou a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, durante unha visita ao Parque Natural do Complexo Dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, en Ribeira.
Este servizo de divulgación e educación ambiental está xa en funcionamento nos catro parques naturais de Galicia con maior número de visitantes, como son, precisamente, este de Corrubedo, as Fragas do Eume (A Coruña), Monte Aloia (Pontevedra) e Baixa Limia-Serra do Xurés (Ourense).
Ademais, a conselleira lembrou durante a súa visita ao Complexo dunar de Corrubedo a recente presentación do Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia, que conta cun investimento de catro millóns de euros e contempla 29 actuación específicas. Entre elas, a posta en circulación do Pasaporte da Rede de Parque Naturais, un documento co que se pretende aproveitar as sinerxías entre os diferentes espazos naturais convidando aos visitantes de cada parque a coñecer os outros referentes do patrimonio natural galego.
Este pasaporte estará dispoñible en todos os servizos de información e contén unha descrición e os datos de contacto dos seis parques naturais da Comunidade, así como do Parque Nacional das Illas Atlánticas. O documento pode conseguirse en tres idiomas: galego, castelán e inglés.
Así, co fin de fomentar o coñecemento destes enclaves e superar o incremento de visitas dun 33 por cento rexistrado en 2016, Beatriz Mato anunciou que a primeira persoa en completar o que será coñecida como a Compostelana dos parques naturais de Galicia poderá gozar dunha estancia de dous días no Xurés, onde, ademais, poderá participar nalgún dos programas turísticos deseñados para este enclave.