O aeroporto de Santiago, que o ano pasado conseguiu o seu máximo histórico superando por primeira vez os dous millóns e medio de pasaxeiros, continuou crecendo no primeiro trimestre deste ano, pese a que na Semana Santa de 2016, unha das épocas de maior tráfico no ano, caeu no mes de marzo.
O número de pasaxeiros no aeroporto de Santiago ata marzo foi de 510.706. É a primeira vez que se consegue superar o medio millón de pasaxeiros no primeiro trimestre do ano. O crecemento respecto ao do ano 2016 foi de 12.225 pasaxeiros, un 2,5%.
Pero se se compara con hai dous anos, cando comezou a recuperación actual do aeroporto, o crecemento é de máis de 106.900 pasaxeiros, un 26,2%. O crecemento é aínda maior se a comparación se fai co primeiro trimestre do ano 2014, antes de que se estabilizase a crise de tráfico no aeroporto que comezou no 2012. Neste caso, gañáronse 135.071 pasaxeiros, un 36%.
No pasado mes de marzo, o tráfico foi de 203.010 pasaxeiros, cun crecemento do 2,8% respecto a marzo do ano pasado, cando a Semana Santa foi neste mes. Foi o primeiro mes de marzo no que o aeroporto de Santiago consegue superar os 200.000 pasaxeiros.