A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva, e Manuel
Hermo, director do CIFP Carlos Oroza de Pontevedra, asinaron un protocolo de
colaboración para que as súas alumnas e alumnos poidan colaborar nas accións de
promoción turística que se fagan desde a institución provincial.
Carmela Silva subliñou que este protocolo ten por obxectivo
poder colaborar entre a Deputación e o Carlos Oroza "para traballar
colaborativamente tanto en aquelas cuestións que desde a Deputación poñamos en
marcha, non só desde aquelas que teñen que ver coa gastronomía, senón con todo
o que ten que ver coa promoción turística de forma máis global e coa imaxe que
queremos trasladar fóra da nosa provincia".
A presidenta da Deputación destacou que o protocolo é un
instrumento vivo que vai incorporando co paso do tempo propostas de acción.
"Queremos que o Carlos Oroza sexa un instrumento fundamental para que esta
provincia poida mellorar o seu proxecto de promoción turística". Silva
recordou que dentro destas iniciativas o Carlos Oroza, "un dos mellores
centros de formación profesional de Galicia en hostalería", xa colaborou
co proxecto "Degusta Europa" o ano pasado e vai colaborar este mesmo
ano tamén con este proxecto que comeza mañá coa súa primeira actividade en
Vigo.
Pola súa banda, Manuel Hermo, director do CIFP, manifestou
que este protocolo é unha oportunidade "xa que proporcionamos valor á
formación do noso alumnado ao poder vivir en primeira persoa o traballo que
implican estes actos que organice a Deputación".
O protocolo, que ten unha duración de dous anos, poderá
incluír na programación outras accións non previstas, sempre que se axusten ao
currículo oficial das ensinanzas do centro integrado de formación profesional,
que poidan xurdir ao longo do curso e sexan de interese para o centro e a
propia Deputación de Pontevedra.