O turismo de natureza medra en Galicia

Case 70.000 persoas decidiron achegarse durante a Semana Santa aos parques naturais de Galicia e ao Monumento Natural da Praia das Catedrais. Así, o número de visitantes incrementouse nun 42 por cento respecto de 2016, ao pasar de 48.183 visitantes na Semana Santa de 2016 a 68.747 en 2017. Os seis parques naturais galegos foron visitados por 25.824 persoas, 18.440 visitaron unha das catro illas do Parque Natural marítimo Terrestre e 24.483 accederon ao Monumento Natural da Praia das Catedrais.

Segundo a directora xeral de Patrimonio Natural, Ana María Díaz, as cifras recollidas durante este período vacional avalan a folla de ruta establecida pola actual Xunta ao poñer en marcha o Plan de promoción e posta en valor do patrimonio natural de Galicia, que identifica un total de 17 espazos imán, que son enclaves cun alto valor patrimonial e que -por ser uns espazos naturais moi coñecidos e recoñecidos polos galegos e polas persoas que visitan Galicia- propician un crecemento económico inclusivo e sostible; o emprego e o uso eficiente dos recursos, a protección ambiental e a divulgación de valores culturais e naturais.

A idea é aproveitar o recoñecemento e popularidade destes espazos para convertelos en elementos de atracción de visitantes cara outros enclaves, creando sinerxias entre os diferentes espazos, polo que nun radio de 30 e de 50 quilómetros, cóbrese a gran maioría do territorio de Galicia.

Ana María Díaz destacou que hoxe “ninguén dubida” de que Galicia está na axenda turística de España e do mundo, e en boa medida grazas aos espazos naturais protexidos; polo que a Xunta manterá esta folla de ruta para dar a máxima difusión a esta riqueza sen perder un ápice dos valores que o clasifican como patrimonio natural.