Chega o domingo 9 de abril, Domingo de Ramos, día doblemente grande, en Sober (Lugo) e a XXXVII Feira do Viño de Amandi, unha das veteranas e sobranceiras entre as declaradas de Interese Turístico de Galicia, estará poñéndolle o ramo a todo un mes de actividades. Faráo coa voz e coa música da monfortina Rosa Cedrón, cantante, intérprete de violoncello e pregoeira de altura. Xa estarán daquela rematadas a cata oficial e a misa solemne e bendicidos os ramos. Poderán comezar, ou continuar, as libacións dun viño xa saboreado polos padais dos emperadores de Roma.
Un caldo emblemático, subzona da D.O. Ribeira Sacra, canda as de Ribeiras do Miño, Ribeiras do Sil, Quiroga-Bibei e Chantada. Sober, entre Pantón e Monforte de Lemos, conta con 300 viticultores e 29 bodegas produtoras duns excelentes tintos, afroitados, de intensa cor de cereixa e plenos na boca.
A feira abrirá oficialmente as portas no mediodía do sábado anterior coa adega MEZQUITA como protagonista, en lembranza e homenaxe ao seu fundador Pedro López Fernández. Haberá actuacións do Grupo de Música
Tradicional AGADIC, da Banda de Música de Sober, de Gin Toni ´s e da xa citada Rosa Cedrón. Actuacións musicais que proseguirán o domingo coa Charanga NBA e a Orquestra Trébol para goce e disfrute de xentes chegadas da bisbarra e de moitos outros lugares de Galicia. Pero qué menos que un mes para festexar o Amandi, logo de escollido o cartel anunciador –corenta competiron no concurso- obra do monfortino José Carlos Quiroga Losada, e da estrea do novo piano de cola do Centro Sociocultural de Sober.
Mediado o mes de marzo, a Escola de Hostalería de Rosende acolleu a Xornada de Maridaxe de Viño de Amandi-Castaña de Galicia, e o Centro Sociocultural foi lugar de presentación da Asociación de Apicultores da Ribeira Sacra, que terá a súa sede en Sober. Nese lugar houbo asemade unha “Cata comentada de Viños de Amandi para mulleres embarazadas” e, en chegando abril, estaban programadas dúas xornadas técnicas dedicadas á imaxe dos viños (deseño, etiquetaxe e tendencias) e ás estratexias de control do Mildeu na vide.
Todo para festexar e degustar o Amandi, viño con subzona propia desde 1996 e unha festa de exaltación das mais sobranceiras entre as moi numerosas e destacadas celebracións galegas