O Consello Regulador da D.O. Valdeorras presentará a colleita 2016 na capital de España, no decurso dun acto que se celebrará na Casa de Galicia en Madrid o vindeiro luns, 24 de abril. Este evento promocional súmase ao realizado hai pouco máis dun mes en Santiago de Compostela e, ao igual que na anterior ocasión, estará presentado polo coñecido actor galego Javier Veiga.
O Consello Regulador agarda reunir no acto a destacados representantes do eido político, institucional, económico-empresarial e social de Madrid; así como a diferentes distribuídores e restauradores. As bodegas da comarca interesadas en participar neste acto están a enviar as súas referencias de viño nestes días ao Consello Regulador, para que sexan trasladadas a Madrid. Ata o momento teñen confirmado a súa participación máis de20 bodegas, que exhibirán máis de 50 referencias distintas de brancos e tintos da zona.