VII Congreso Internacional sobre Patrimonio Industrial nas Pontes

O VII Congreso TICCIH sobre Patrimonio Industrial, que se celebrará en As Pontes entre os días 5 e 8 de xullo, co obxectivo de constituír un foro internacional sobre a conservación, a sostibilidade, a rexeneración e a potenciación do turismo en paisaxes industriais, conta co patrocinio da Deputación da Coruña.

A presentación do programa do Congreso sobre Patrimonio Industrial foi presentadopolo presidente provincial e alcalde pontés, Valentín González Formoso; o deputado responsable da área de Turismo, Xosé Regueira; o vogal de TICCIH, Xoan Carmona Badía, e a concelleira de Turismo de as Pontes, Ana Pena.

O congreso desenvolverase a partir de catro eixos principais: paisaxes a ceo aberto, estratexias de rexeneración territorial, repercusións medioambientais e turismo industrial. Dentro de cada unha destas mesas, haberá unha ponencia marco impartida por un experto, que servirá para coñecer o estado da cuestión en cada liña temática.

Xoan Carmona afirmou que "se espera unha gran participación, con máis de 60 ponentes xa inscritos", polo que as xornadas constituirán un gran "escaparate internacional para impulsar a imaxe de Galicia coma potencia industrial".


González Formoso destacou "a aposta da Deputación polo turismo coma elemento de potenciación económica na provincia, que se reflicte nun incremento do 30% nas asignacións orzamentarias".

Pola súa banda, Formoso definiu o patrimonio industrial coma "un sinal identificativo da comarca de Ferrolterra" que ofrece moitas posibilidades para "un tipo de turismo emerxente". O deputado de Turismo, Xosé Regueira, coincidiu co presidente provincial en destacar as potencialidades turísticas do patrimonio industrial, e salientou a "oportunidade que supón para a provincia a celebración dun congreso de primeiro nivel".

Promovido pola sección española do Comité Internacional pola Conservación do Patrimonio Industrial (TICCIH), entidade colaboradora da UNESCO, na organización do evento tamén participan o Concello de As Pontes e a Consellería de Cultura da Xunta de Galicia.