A cidade de San Sebastián acollerá durante
todo este mes de abril a campaña promocional ‘Viños e Camelias’, unha experiencia turística
creada por Turismo de Galicia ao carón da Ruta da Camelia e as adegas que
forman parte da denominación de orixe Rías Baixas que, ao seu paso pola cidade
de Bilbao en marzo, superou os 3000 visitantes.
A presentación da campaña en San Sebastián
será mañá xoves na viñoteca Lukas Gourmet, cun cóctel a cargo do cociñeiro
galego Pepe Solla e onde se ofrecerá aos asistentes servizos con produtos de
camelia como puntos de té ou estética. Tamén se ofrecerá a posibilidade de
degustar os viños da D.O. Rías Baixas.
Durante todo este mes, a campaña focalizarase nesta
viñoteca, que albergará nas súas instalacións unha recreación dun bosque de
camelias, xunto a unha selección dos mellores viños galegos da D.O. Rías Baixas
nunha zona expositiva do local.
Tamén se organizarán alí diferentes catas de
viños e se poderá degustar durante todo o mes da mellor da gastronomía galega
no seu restaurante, que ofrecerá nas fins de semana un menú elaborado con
pratos típicos da nosa comunidade.
A proposta gastronómica que comprende a campaña
incluirá tapas galegas que se servirán no restaurante da viñoteca nos días de
semana. Durante o mes de abril, Lukas Gourmet será,
tamén, o punto de venda para todo tipo de produtos de cosmética derivados da
camelia.
A campaña recala durante este mes en San
Sebastián despois dunha grande aceptación ao seu paso por Bilbao, onde a
campaña se saldou con máis de 3.000 visitantes, preto dun centenar de contactos con operadores turísticos e unha cata de
viño da D.O. Rías Baixas por parte de 25 usuarios de Instagram que obtivo un alcance total de máis de 25.000 seguidores.