A Denominación de Orixe Ribeiro presenta este mércores, 31 de maio, a sexta edición dos seus Premios, cun evento que se celebrará en Santiago de Compostela.
Na cita coñeceranse os gañadores dos seus galardóns honoríficos: “Persoeiro de Honra 2017”; “Vida entre vides”; “Mellor tarefa de comunicación” e “Muller e viño”.
O evento celebrarase a partir das 11.30 horas nun lugar emblemático: no Arco de Mazarelos, a porta da antiga muralla da cidade por onde entraban nela, desde a Idade Media, os viños do Ribeiro.
A sexta edición dos Premios da Denominación de Orixe Ribeiro celebraranse o martes 20 de xuño, no Mosteiro de San Clodio (Leiro, Ourense).
Ademais dos xa sinalados, na Gala desvelaranse os gañadores do resto de categorías: “Mellor viño branco de adega”; “Mellor viño branco de colleiteiro”; “Mellor viño tinto”; “Mellor servizo de viño en restaurante”; “Mellor tenda especializada – viñoteca” e “Mellor taberna - bar de viños”.
O premio Persoeiro de Honra 2016 foi para o xornalista galego Cristino Álvarez, en recoñecemento á súa traxectoria e á divulgación dos viños da D.O. Ribeiro a través das súas crónicas. En 2015, o galardón foi recollido polos restaurantes e cociñeiros galegos con Estrela Michelin e na edición 2014 foi outorgado ao sumiller Josep Roca (El Celler de Can Roca).
No histórico Mosteiro de San Clodio, berce da viticultura galega e das súas variedades autóctonas, reuniranse profesionais chegados de toda España: adegas, colleiteiros, distribuidores, almacenistas, medios de comunicación, divulgadores, prescriptores…