A XVI edición da romaría etnográfica “Raigame” homenaxea o Museo do Pobo Galego, que neste 2017, celebra o 40 aniversario da súa inauguración. Esta Festa de Interese Turístico de Galicia, co-organizada pola Deputación de Ourense e o Concello de Celanova, celebrarase o vindeiro 17 de maio en Vilanova dos Infantes, no municipio de Celanova.
A presentación da mesma tivo lugar no Pazo Provincial onde participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; a directora do Centro de Cultura Popular “Xaquín Lorenzo”, Mariló Fernández; e o alcalde e o técnico de Cultura do Concello de Celanova, José Luis Ferro e Antonio Piñeiro, respectivamente.
O vicepresidente da Deputación de Ourense sinalou que “Raigame”, “é o evento etnográfico máis importante que ten lugar na provincia de Ourense, vencellado ás nosas letras e ás nosas tradicións”. Asemade, Rosendo Fernández explicou que se trata dunha celebración “xa consolidada que ofrece numerosas actividades tanto etnográficas como de lecer que poñen en valor a nosa cultura, a nosa lingua e as nosas tradicións”.
As actividades que se desenvolverán no marco de “Raigame” estarán estreitamente relacionados co Museo do Pobo Galego así, haberá unha exposición que fai un repaso pola historia destes 40 anos do Museo baixo o título “Un museo, miles de historias”, outra mostra que baixo o lema “Teño un museo” ofrecerá reproducións dunha serie de pezas do Museo. Tamén se celebrará o II Simposio de Raigame, 40 anos do Museo do Pobo Galego, con dúas breves charlas seguidas dun debate co público asistente.