Río Lérez, en Pontevedra |
O Consello da Xunta aprobou o inicio da tramitación dodecreto polo que se creará o Observatorio Autonómico dos Ríos de Galicia, que nace co obxectivo de poñer en valor o patrimonio natural- ambiental dos leitos fluviais da Comunidade.
Galicia conta con 32.000 quilómetros de ríos, polo que a creación deste observatorio responde á necesidade de recoñecemento e protección do enorme valor patrimonial, tanto social como ambiental desta riqueza hidrográfica, así como a importancia que teñen na conservación da flora e da fauna que dependen deles para a súa supervivencia.
O observatorio concíbese como un órgano colexiado ao que, de acordo co principio de colaboración institucional, corresponde o asesoramento sobre o estado ambiental, económico-social e cultural dos ríos da Comunidade Autónoma de Galicia, a elaboración de informes e estudos, e a diagnose e proposta de medidas que axuden a definir as distintas políticas de posta en valor dos ecosistemas fluviais.
Coa posta en marcha desta ferramenta abórdase este feito dun modo transversal e interdisciplinar para poder obter información periódica e pormenorizada sobre o estado dos ríos galegos; polo que unha das súas funcións será actuar como órgano de asesoramento, análise e difusión de información periódica relativa á situación dos ríos.