O Concello de Cualedro acollerá o vindeiro domingo, 14 de maio, a VIII “Ruta dos Castros”, unha andaina pola historia do municipio cun percorrido de 16 quilómetros polos lugares máis emblemáticos da zona. A presentación desta proba deportiva tivo lugar no Pazo Provincial, acto no que participou o vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernández; o alcalde de Cualedro, Luciano Rivero; a presidenta da Asociación de Senderismo Ruta das Augas, Amaya Álvarez; e o colaborador da andaina, Eduardo Castro.
A Deputación de Ourense colabora con este evento deportivo que discorre polos principais lugares patrimoniais do municipio, “ofrecendo aos participantes a posibilidade de contemplar o cruceiro de Lucenza, a capela de Santa Marta, a mámoa do Madorriño, o Castro da Saceda, a Fonte da Ola ou o Castro de San Millán”, explicou Rosendo Fernández. “Trátase dunha iniciativa que pon en valor a historia do municipio de Cualedro a través dun evento que aúna deporte, saúde e cultura”, sinalou o vicepresidente da Deputación de Ourense.
A ruta comezará ás 9.00 horas na Lucenza e rematará en “San Millán-Escola” despois de percorrer 16 quilómetros “de camiños de terra, fundamentalmente, que converten a esta andaina nun paseo familiar e de baixa dificultade”, dixo Amaya Álvarez.