Este sábado pola tarde polo Casco Histórico de Santiago, desfilarán máis de 250 persoas caracterizadas como personaxes de Star Wars, a súa maior parte como soldados imperiais . Será o terceiro desfile organizado en Santiago pola Tropa Korriban, a asociación de afeccionados de Star Wars de Galicia.
Por primeira vez coincide coas festas da Ascensión, e segundo as expectativas se superarán os 20.000 asistentes como público. Neste terceiro desfile celebrarase o 40º aniversario da estrea da primeira película da saga Star Wars, que se proxectou por primeira vez en 1977 e coa que George Lucas comezou a crear un universo con millóns de seguidores en todo o mundo.
Para esta conmemoración, a Tropa Korriban convocou a asociacións e fans de Star Wars de toda España, así como ao público en xeral, que participarán con caracterizacións dos distintos personaxes da saga de películas e o seu universo expandido. Participará Paul Blake, actor británico que fixo o papel de Greedo na primeira película da serie, que asinará autógrafos na praza do Obradoiro ao remate do desfile.
O evento incluirá unha homenaxe á actriz Carrie Fisher, que encarnou á Princesa Leia.