Case 900 solicitudes ao Plan Leader 2014-2020

A Consellería do Medio Rural, Ángeles Vázquez, presidiu esta mañá na Cidade da Cultura un encontro coas directivas dos 24 Grupos de Desenvolvemento Rural que hai en Galicia no que se deu conta das primeiras solicitudes recibidas para optar ás axudas do plan Leader 2014-2020, que xestionan os propios GDR. Ángeles Vázquez sinalou que en só dous meses recibíronse 883 solicitudes, é dicir, un terzo das que se fixeron en todo o período anterior (2007-2013). “Os datos, polo tanto, son positivos”, sinalou a conselleira, que destacou o “bo traballo” dos GDR e das súas xuntas directivas. “Queda patente o futuro alentador que agarda ao noso rural”, concluíu.

Estas solicitudes refírense só á primeira convocatoria de prazo que rematou o 31 de marzo e terá que ser resolta polos grupos e remitida á Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) antes do 30 de xuño. Agora estase na fase de avaliación pero xa hai unha segunda convocatoria para a presentación de máis proxectos, que será resolta segundo a dispoñibilidade de fondos. É relevante que por primeira vez este ano permítese a transferencia de orzamentos entre grupos. Asignación inicial é igual para todos, 563.337,58 euros por GDR (en total hai 3,5 millóns de orzamento para este ano), pero o próximo exercicio os grupos serán puntuados segundo a execución das súas iniciativas. Polo tanto, “os proxectos competirán para ser elixidos co fin de garantir unha maior calidade na asignación de fondos públicos”, explicou a titular do Medio Rural.