Compostela fala baixiño pola Ascensión

O Concello de Santiago, en colaboración coas principais asociacións do sector hostaleiro, pon en marcha unha campaña para mitigar os ruídos que se producen na rúa en torno aos locais de ocio nocturno e favorecer o descanso da veciñanza. O alcalde, Martiño Noriega, presentou a iniciativa, que leva por lema "Fala baixiño", e que arranca coincidindo coas festas da Ascensión. 

Na rolda de prensa tamén participaron o xerente de Hostalería Compostela, Ramón García; a secretaria da sección de hospedaxe deste colectivo, Rita Sobrado; o representante da Asociación de Bares e Pubs de Santiago, Sergio Fernández; o presidente de Vicus Francorum, José Rivas; e o representante da Asociación Cidade Vella, Martín Zarauza.

O alcalde lembrou que esta campaña, que terá carácter anual, naceu ao abeiro da Mesa de diálogo co sector da hostalería nocturna, constituída polo Concello para abordar as problemáticas comúns deste tipo de establecementos e mellorar a convivencia coa cidadanía neste ámbito. Martiño Noriega lembrou que "esta mesa de diálogo está a dar importantes froitos, acordados entre a institución e o sector, relacionados coas instrucións sobre a normativa de sancións ou os aforos dos locais, e agora tamén con esta campaña".

O rexedor incidiu en que "as queixas derivadas dos ruídos nocturnos non están relacionadas directamente cos establecementos, que cumpren a normativa, senón coas actitudes na rúa dalgúns mozos e mozas que non son conscientes das molestias que lles poden causar á veciñanza". Martiño Noriega lembrou que "garantir a convivencia é o único xeito de garantir tamén que se poida manter a actividade dos establecementos de ocio nocturno, que son tamén parte da esencia de Compostela".