O CulturaLab de Primavera da USC se desenvolverá os días 19 e 20 de maio na Casa do Saber de Lugo baixo o título ‘Olladas arredor da cultura contemporánea’ e que nesta edición mestura o tradicional formato dos seminarios de análise e debate xurdidos na década de 1960 no Instituto Masculino (IES Lucus Augusti) de Lugo, cos foros abertos do CulturaLab do Campus Terra.
A cita converterá a Lugo na capital da vangarda da cultura contemporánea, a transformar a cidade nun espazo aberto, de encontro e reflexión arredor da cultura, das súas diversas manifestacións, novos espazos e da súa concepción como dereito.
A Concelleira de Cultura, Turismo, Xucentude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre salientou a estreita colaboración das tres Institucións, Concello, Deputación e USC neste tipo de actividades encamiñadas á promoción e difusión da cultura na nosa cidade. Coordinación que está a dar os seus froitos ano tras ano.
A vicerreitora de Servizos Universitarios do campus de Lugo, Mª do Carme Silva Domínguez, presentou este mércores a programación deste CulturaLab de Primavera, unha actividade organizada ao abeiro do convenio Lugo Cultural, no marco dun acto no que tamén participaron a deputada delegada da área de Cultura da Deputación Provincial de Lugo, Pilar García Porto; a concelleira de Cultura do Concello de Lugo, Carmen Basadre; o comisario e investigador Fran Quiroga, e Marcos Cruz Moreno, de Down Lugo.