Galicia aposta polo slow turismo

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, reivindicou hoxe a aposta de Galicia polo “turismo tranquilo, polo slow turismo de máxima calidade” para seguir batendo récords de visitantes e no que os turistas desfruten sen présas do patrimonio, da historia, da cultura e da natureza da Comunidade.

“Un destino tranquilo, pensando para perdurar no tempo, co acento posto na sustentabilidade, ao que non lle dea vertixe ofrecer novos produtos turísticos e experiencias diferentes a outros lugares”, dixo, ao que engadiu que para iso, o Goberno galego destinará máis de 240 millóns de euros nestes catro anos, para consolidar a marca Galicia, “para que Galicia non sexa unha moda pasaxeira senón un destino indispensable para a axenda de calquera turista ou viaxeiro”.

Durante a presentación da Estratexia de Turismo de Galicia 2020, Feijóo incidiu tamén na necesidade dun traballo conxunto co sector “porque non só queremos que os turistas veñan senón que os turistas volvan”.

Co obxectivo de fidelizar os visitantes e impulsar a imaxe de Galicia como destino turístico único, Feijóo avanzou a creación da Tarxeta do turista que suporá importantes descontos e facilidades para o transporte e avogou por potenciar ao máximo a Ruta Xacobea de cara ao ano santo 2021, e para dar a coñecer os bens patrimonio da humanidade, os parques naturais e para consolidarnos tamén como unha referencia termal.