As cidades italianas de Milán, Boloña e Padua acollerán estes días unhas xornadas de promoción do destino Galicia nas que Turismo de Galicia presentará a oferta turística da Comunidade galega centrada no Camiño de Santiago e os produtos relacionados coa natureza, a cultura e a gastronomía.
Nestas xornadas, organizadas por Turespaña, o departamento de Turismo da Xunta manterá, así mesmo, xuntanzas de traballo cos principais operadores turísticos do norte de Italia, un dos mercados exteriores máis importantes para Galicia.
Deste xeito, Turismo de Galicia reunirase mañá cos principais axentes de viaxes da contorna de Milán, nunha presentación que terá lugar nun céntrico hotel da cidade milanesa.
Así mesmo, pasado mañá, o departamento de Turismo da Xunta presentará a oferta turística galega en Boloña e, por último, o día 11 de maio, os principais operadores da cidade de Padua coñecerán o destino Galicia dentro destas xornadas de promoción directa.
Na súa estratexia de promoción neste mercado europeo, Turismo de Galicia aposta pola segmentación, de xeito que a promoción se basea en produtos específicos relacionados coa cultura, a gastronomía e a natureza, ademais das compras e os congresos. Como elemento diferenciador, o departamento de Turismo da Xunta incluirá na súa promoción o Camiño de Santiago.