Continúan as festas máis picheleiras de Santiago cunha chea de actividades para o sábado da Ascensión. Deporte, música, danza e teatro son algunhas das accións previstas para este día de festa na cidade.
O comezo darao a tradicional Festa dos Maiores, que este ano cumpre vinte edicións. O recinto feiral de Amio acolle esta tradicional actividade, que dará comezo ás 14:00 horas cun xantar e coa actuación musical de Salsaserena para amenizar aos presentes.
Por outra banda, Antonio Carmona chega a Compostela xusto despois de publicar o seu terceiro disco en solitario, que leva por nome Obras son amores e que pon á venda seis anos despois do último. O cantante presentará este esperado traballo producido polo propio Carmona e Daniel García Diego.
A cita é ás 21:30 horas na Quintana, aínda que antes será a vez de Translations Trío e convidados, con Marcos Teira (guitarra flamenca), Alfonso Calvo (contrabaixo), Moisés Fernández (caixón flamenco), Alejandro Vargas (piano) e Isaías Monteiro (baile).