Desde a
entrada en vigor do novo decreto de vivendas de uso turístico, hai 20 días, rexistráronse
xa máis de 2.000 vivendas desta modalidade na Comunidade galega. Así o
avanzou a directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, durante a súa
participación nunha charla informativa sobre esta normativa, impartida na sede
da Federación Galega de Municipios e Provincias (Fegamp), onde estivo acompañada
pola directora xeral de Administración Local, Marta María
Fernández-Tapias.
Nava Castro
explicou que, desde a entrada en vigor do decreto, as novas altas están a ir a
moi bo ritmo, tanto de maneira telemática como de maneira presencial nos
rexistros da administración dirixidos aos servizos provinciais de Turismo de
Galicia correspondentes.
Neste senso,
recordou que estes primeiros datos demostran que o decreto non diminuirá a
oferta deste tipo de aloxamento, senón que a incrementará debido “á maior seguridade
xurídica para poder exercer a competencia”, explicou.
A
responsable de Turismo da Xunta describiu este decreto como unha “oportunidade”
para o sector e tamén para os particulares e indicou que se trata dun modelo
flexible e de moi sinxela aplicación sendo a Xunta o executivo autonómico que
regula de maneira máis doada este tipo de alugueiro.
Nava Castro
animou aos propietarios de vivendas a que cumpran os requisitos a acollerse a
esta nova modalidade, recordando que o procedemento para darse de alta como
vivenda turística implica a presentación dunha declaración responsable de inicio
de actividade. Deberase cubrir o modelo normalizado que se publica xunto ao
decreto e que está dispoñible na páxina web de Turismo de Galicia, así como o xustificante de pago das taxas de
clasificación turística de 56,82 euros.