O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, participou na inauguración do Simposio Internacional de Hospitalidade e Xestión Medioambiental no Camiño de Santiago, que se está a desenvolver no Hostal dos Reis Católicos. Este foro serve de peche a un proxecto desenvolvido pola Federación Española de Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago (FEACCS), no marco do proxecto europeo LifeStars + 20.
O alcalde aproveitou a súa intervención para agradecer o traballo que realizan as Asociacións de Amigos do Camiño, "que na medida na que coidan das rutas xacobeas, coidan tamén de Santiago como destino delas". Martiño Noriega tamén se mostrou interesado nas conclusións que se obteñan deste foro, "porque no Concello tamén somos conscientes da necesidade de conxugar os intereses dos milleiros de peregrinos que chegan a Compostela cos dos veciños e veciñas que viven na cidade, e coa conservación do noso patrimonio"