Tras a xuntanza da Comisión de Festas do San Froilán 2017, Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua, Carmen Basadre,anunciou que o San Froilán 2017 alongarase unha fin de semana máis, os días 13, 14 e 15 de outubro.
Así, o feiral abrirá do 29 de setembro, ás 18:00 horas, ao 15 de outubro, e as casetas do polbo, do 29 de setembro ao 1 de novembro. A data da montaxe para as casetas do polbo será dende o 11 de setembro, e a das barracas, dende o 23 dese mesmo mes.
Na reunión tamén se deu conta de que está vixente o prazo para realizar o pago do importe ofertado polas atraccións, cuxo total debe estar aboado o 5 de setembro. Pódese facer en dúas quendas, o 50% en xullo e o 50% en agosto. Ademais, licitaranse 3 novos postos de venda e degustación (en Rodríguez Mourelo 87, Vila de Foz 79 e Camiño das Costas 132).
Estes festexos na pasada edición deixaron en Lugo 12 millóns de euros, calculando un gasto mínimo de 20 euros por persoa, ademais dunha ocupación hoteleira que colgou o cartel de completo.