O xerente do Xacobeo, Rafael Sánchez, encabezou nesta semana unha viaxe de promoción do Camiño de Santiago en Bélxica acompañado por vinte e tres representantes de asociacións xacobeas galegas. Durante a viaxe, organizada no marco da conmemoración do 30º aniversario da declaración da Ruta Xacobea como Itinerario Cultural Europeo, o xerente do Xacobeo xunto aos asociados acudiron ao Parlamento Europeo invitados polo eurodeputado Francisco Millán Mon, co-director do Intergrupo “Turismo e patrimonio cultural: o Camiño de Santiago e outros itinerarios culturais europeos”.
Durante a visita o grupo informou aos eurodeputados de cal é a situación actual dos diferentes itinerarios do Camiño de Santiago en Galicia e das accións previstas cara ao próximo Ano Santo 2021. Ademais, puideron coñecer as propostas da Unión Europea para protexer as rutas xacobeas, en especial as tres declaradas Patrimonio da Humanidade pola Unesco -o Camiño Francés, o do Norte e o Primitivo-.
Por outra banda, o grupo encabezado polo xerente do Xacobeo foron recibidos na Fundación Galicia Europa, onde representantes de organismos europeos os informaron sobre as posibilidades existentes destinadas a apoiar o desenvolvemento dos itinerarios culturais.
A xornada terminou cunha mesa redonda no Instituto Cervantes baixo o título “Reconstruír Europa a través do Camiño de Santiago” que contou coa participación de Pascal Duchene, presidente da Asociación de Amigos do Camiño de Santiago belga, Luc de Bolle, presidente da Asociación Flamenca de Amigos do Camiño Santiago, Monique Walrave, membro da dirección da Asociación Holandesa de Amigos do Camiño de Santiago e Begoña Valdomar, vicepresidenta da Asociación Galega de Amigos do Camiño de Santiago.