O Pleno do Consello Regulador da D.O. Valdeorras reuniuse para estudar e aprobar diferentes medidas que axuden a paliar os danos ocasionados polas baixas temperaturas rexistradas a semana pasada na comarca de Valdeorras e que orixinaron numerosos estragos nos viñedos. Durante o Pleno, no que se coñeceu un informe de impacto de danos, o presidente do Consello Regulador leu o texto dunha declaración institucional na que se detallaban diferentes iniciativas para que o organismo lidere a posta en marcha de medidas paliativas na comarca.
“Diferentes concellos da zona activaron xa a recollida de sinaturas para reclamar a declaración de zona catastrófica (…) En resposta ás demandas que nos trasladan (…) desde o sector, imos liderar desde o o Consello Regulador esta reclamación. Non só imos sumarnos á petición da declaración de zona catastrófica, senón que abanderaremos a iniciativa na comarca. Para isto, intentaremos consensuar primeiramente unha reclamación común con outros consellos reguladores tamén afectados e elevar a nosa petición ao Goberno”, destacou Francisco García durante o Pleno.
Xunto a isto, o Consello Regulador vai reclamar a diferentes administracións axudas directas para que os viticultores a fagan fronte aos estragos orixinados polas xeadas. Desde a Consellería do Medio Rural xa se anunciou a adopción dun plan de choque de medidas. “Nós queremos reclamar celeridade na adopción dese plan de choque e insistiremos para intentar que se poidan ofrecer axudas económicas que cheguen directamente aos viticultores afectados. Polo menos para sufragar os coidados e as medidas correctivas extraordinarias necesarias para favorecer a recuperación da colleita”, afirmou o presidente do Consello Regulador, quen tamén solicitou axudas para os bodegueiros da comarca.
Finalmente, o Pleno aprobou fomentar nos vindeiros días accións formativas con expertos que ofrezcan charlas informativas e trasladen aos interesados coñecementos precisos sobre como proceder para traballar o terreo tras a xeada e se minimice, deste xeito, o seu impacto negativo sobre as vides. Así, porase en marcha unha acción formativa o vindeiro venres, día 5, ás 19.00 horas no cine da Rúa. Trátase dunha charla que impartirá o especialista Francisco Rego, técnico xubilado da EVEGA.