A Denominación de Orixe Ribeiro vivirá o martes 20 de xuño a 6ª edición dos seus Premios D.O. Ribeiro, no hotel Mosteiro de San Clodio (Leiro-Ourense).
Con esta cita quérese recoñecer o saber facer dos profesionais e establecementos galegos que axudan á difusión do mundo do viño, polo que, anualmente, concédense galardóns en tres categorías específicas, outorgados directamente polas adegas adscritas á Denominación.
Na categoría de “Mellor Tenda Especializada - Viñoteca” son candidatos: Casa Amador (Ferrol), El Yate (Vigo) e La Sucursal (Lugo).
Na categoría de “Mellor taberna – Bar de Viños”, os aspirantes son: Mesón Picasso (Ferrol), Casa de vinos Montecarlo (A Coruña) e Bagos (Pontevedra).
Por último, na categoría de “Mellor Servizo de Viño en Restaurante”, os finalistas son: O Retiro da Costiña (Santa Comba), A Mundiña (A Coruña) e O Barazal (Maside).
Ademais, un panel profesional de cata será o encargado de recoñecer os mellores viños brancos, de adega e de colleiteiro, e tinto da Denominación de Orixe.
No transcurso do evento tamén se entregarán os premios honoríficos que recoñecen a andaina de distintos profesionais.
A Master of Wine xornalista e escritora británica Sarah Jane Evans é o novo “Premio de Honra”; o xornalista catalán Joan Gómez Pallarés, o “Premio á Mellor Tarefa en Comunicación”; a sumiller galega radicada en Madrid Mónica Fernández acada o “Muller e Viño”; e Arsenio Paz, responsable da adega Vilerma, recibe o “Premio Vida entre Vides”.
O histórico Mosteiro de San Clodio, berce da viticultura galega e das súas variedades autóctonas, reunirá aos actores que dan vida ao vino D.O. Ribeiro e a profesionais chegados de toda España: adegas, colleiteiros, distribuidores, maioristas, xornalistas e divulgadores, entre outros.