O Instituto Feiral de Vigo (Ifevi) vai ser ampliado en 5000 metros cadrados, o que permitirá reforzar o potencial da cidade olívica e de toda Galicia para organizar eventos e feiras de referencia internacional, como Conxemar. Con esta ampliación, o recinto feiral impulsará a capacidade de Vigo para consolidarse como punto de encontro do sector naval e da transformación de produtos mariños.
Esta ampliación, que acaba de ser aprobada polo Consello da Xunta, realízase ao abeiro da Lei de medidas en materia de proxectos públicos de urxencia ou de especial interese, aprobada para evitar que a anulación xudicial do PXOM de Vigo paralizase a cidade. Este texto legal xa permitiu impulsar o Plan de consolidación e modernización do Polígono de Balaídos, que preparará estas instalacións para a construción dos novos modelos K9 e V20, cun investimento de máis de 3000 millóns de euros na automoción galega.
O proxecto mantén a configuración actual do recinto e incorpora un pavillón anexo ao pavillón 2. Esta semana, tal e como explicou o vicepresidente, foi aprobado na Comisión Superior de Urbanismo de Galicia con todos os informes favorables, polo que o único trámite que resta por facer para a licitación do proxecto é que o Concello de Vigo poña á disposición os terreos expropiados.
O investimento da Xunta na ampliación de Ifevi ascenderá a 4,1 millóns de euros, 900.000 euros máis ca o previsto inicialmente.