Situada no centro histórico de Rianxo, a casa de Rafael Dieste é unha construción blasonada do século XVIII que leva deshabitada desde a morte do escritor, hai un cuarto de século. Foi adquirida polo concello de Rianxo en 2007 e no ano 2012 desenvolveuse unha intervención sobre o tellado e as fachadas.
En aras de apoiar o proxecto do concello de Rianxo como vila literaria de referencia Deputación da Coruña aposta cunha achega de 189.456,66 €, o 80 % do orzamento total de 236.820,82 €, pola adecuación como museo da casa de Rafael Dieste, na rúa de Abaixo en que se atopan as casas de Manuel Antonio e Castelao. A vicepresidenta e responsábel da área de Cultura da Deputación da Coruña, Goretti Sanmartin Rei, e o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, asinaron hoxe o convenio de colaboración que dará inicio ás obras de reconstrución do inmóbel do escritor recreado na obra A fiestra valdeira.
No acto de sinatura de convenio que se desenvolveu na propia casa de Rafael Dieste, Goretti Sanmartín Rei sinalou que "Con este proxecto, queremos impulsar a condición de Rianxo como vila literaria, en que a cultura é tamén motor de dinamización turística e económica, á maneira doutras casas de referencia no país como a de Rosalía de Castro en Padrón que son espazos moi visitados, non só pola propia veciñanza que lle dará uso, senón tamén por estudantado e persoas que queren renderlle homenaxe aos tres autores que viviron nesta rúa".
O alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, agradeceu que desde a Deputación da Coruña, co voto favorábel de toda a corporación, se considerase a iniciativa como un "proxecto singular, de país, en clave galega". Anunciou que, de inmediato, desde o Concello comezarán as xestións para a contratación da obra. "Coa apertura da casa de Rafael Dieste, a poucos metros da de Manuel Antonio e a de Castelao, a Rúa de Abaixo é un referente para a visita turística e cultural non só para Rianxo senón para todo o país e para o mundo, en especial nos países e nas amplas relacións en que a familia Dieste deixou pegada", explicou Adolfo Muíños que se congratulou por un novo "espazo gañado para a cidadanía e a cultura galega, ademais de facer xustiza coa memoria do escritor".