Arde Lvcvs con moeda castrexa propia

A Concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua de Lugo, Carmen Basadre, e o tesoureiro e o vogal da Asociación Mercenarios Galaicos, Ricardo Vilariño e Julio Montero, respectivamente, presentaron este mércores, no patio do Vello Cárcere, a primeira moeda castrexa do Arde Lvcvs.

Na presentación, a edil mostrou a súa satisfacción porque “este ano estes festexos, declarados de Interese Turístico Galego e Nacional, terán dúas moedas oficiais, unha romana e outra castrexa”. Así mesmo, deulles os parabéns polo traballo que realizan, tanto Mercenarios Galaicos como todas as asociacións que representan ao pobo castrexo.

Pola súa banda, Ricardo Fernández agradeceulle ao Concello a implicación e axuda para sacar a primeira moeda castrexa do Arde Lvcvs, que está rexistrada no Museo Arqueolóxico Nacional e é totalmente celtibérica, con data do século II e III antes de Cristo, momento no que se produciron as Guerras Púnicas e houbo unha grande acuñación de moedas, pola necesidade de pagar os mercenarios e o avituallamento do exército de Anibal.

Trátase dun sequel prateado, que no seu anverso ten a deusa Tanit, moi significativa na mitoloxía dos cartaxineses, con connotación bélicas e guerreiras. No reverso da moeda ten un cabalo, que é un símbolo de poder, unha estrela de oito puntas e un trisquel, que son elementos representativos da cultura celta.