Catro ilustradoras debuxarán o camiño dende Porto ata Compostela

A concelleira de Igualdade, Desenvolvemento Económico e Turismo de Santiago, Marta Lois, presentou a iniciativa "Camiña o camiño" desenvolvida por Turismo de Santiago e El Patito Editorial con financiamento da Xunta de Galicia a través da Axencia Turismo de Galicia. Marta Lois estivo acompañada de Gema Sesar e Paula Cabaleiro, coordinadoras da acción e das ilustradoras Blanca Escrigas, Fernanda Lamelas, Isabell Seidel e Teresa Ruivo.

A iniciativa ten dúas vertentes fundamentais, unha "dende o punto de vista turístico xa que nos vai ofrecer unha nova ollada a través destas mulleres das paisaxes do camiño da Costa, recentemente recoñecido", tal e como sinalou Marta Lois. A maiores, a concelleira destacou o punto de vista "da igualdade e da visibilización das mulleres no mundo da arte para amosar que hai moi boas ilustradoras tanto en Galicia como en Portugal".

As catro ilustradoras galegas e portuguesas percorrerán o Camiño da Costa realizando diversas ilustracións, que finalmente se converterán nun libro e nunha mostra onde as protagonistas serán as propias mulleres e o camiño. En verbas de Gema Sesar "será tamén un material que poder consultar sobre este camiño". Tamén avanzou a intención de repetir outro ano realizando máis accións deste estilo que coloquen á muller como protagonista.