A veda da centola e do boi na zona comprendida entre Cabo Estaca de Bares ata o Río Eo, incluíndo a ría do Barqueiro (na provincia de Lugo), comezará mañá, 1 de xullo, e rematará o vindeiro 3 de decembro.

O período de veda significa que queda expresamente prohibida a captura destas especies para todas as embarcacións con artes menores e con porto base na nosa comunidade e tamén para aquelas que, tendo porto base noutras comunidades, teñan permisos especiais de pesca para faenar en augas galegas.
A veda é unha das medidas que contribúe a aumentar a biomasa e a regular a pesquería da centola e do boi co fin de axustar a xestión pesqueira ao ciclo de vida da especie e así protexer a súa reprodución e contribuír a unha explotación máis sustentable.