A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, valorou o traballo dos profesionais galegos do turismo que, co seu compromiso por acadar a excelencia e calidade, están a reforzar a imaxe de Galicia como destino máis competitivo.
A responsable de Turismo da Xunta fixo estas declaracións en Sanxenxo durante a súa participación na entrega de distintivos SICTED, que recoñecen o compromiso pola calidade turística no sector, e que se entregaron a máis de 70 empresas e servizos públicos deste municipio, entre novos distinguidos e renovacións.
Durante a súa intervención, Nava Castro recordou o compromiso da Administración autonómica neste eido, que, como incidiu, queda plasmado na Estratexia do Turismo de Galicia 2020 na que se inclúe, entre outras medidas, o apoio a xeodestinos, municipios e empresas do sector que pretendan conseguir algunha acreditación de calidade.
Unha calidade na que Galicia é referente, como demostran os novos profesionais recoñecidos neste acto e tamén os máis de 280 establecementos e servizos turísticos certificados coa Q de Calidade Turística cos que Galicia pechou 2016. Foron sete máis que o ano anterior, situando a nosa comunidade no segundo territorio con máis establecementos con este certificado.
Con estes novos distintivos SICTED, promovidos pola Secretaría de Estado de Turismo co apoio da Federación Española de Municipios y Provincias (FEMP), Sanxenxo sitúase na cabeza dos concellos galegos con estes distintivos “demostrando que a calidade dos establecementos, servizos e produtos turísticos galegos son un valioso elemento diferencial que nos posiciona como destino”, indicou.