Día da Montaña Galega en Trevinca

O Concello da Veiga celebrará o vindeiro 17 de xuño, o “Día da Montaña Galega” co XV aniversario de “Unha aperta a Trevinca”, de cando por primeira vez soaron as gaitas en Pena Trevinca, como saúdo a tódalas montañas galegas desde A Cima de Galicia. A presentación tivo lugar no Pazo Provincial de Ourense, acto no que participou o deputado provincial de Cultura, Manuel Doval; o alcalde da Veiga, Juan Anta; e o presidente do Club de Montaña O Trisquel de Trevinca, Antonio Fernández.

O programa de actividades comeza o venres, 16 de xuño, ás 20.30 horas, coa proxección de “Unha aperta a Trevinca” polos gaiteiros de A Veiga, que por primeira vez na historia, o 1 de setembro do 2002 as gaitas soaron nunha homenaxe a Trevinca fai agora 15 anos. Ao día seguinte, o 17 de xuño, ás 9.00 horas, terá lugar a saída desde Vilanova ata Pena Trevinca, e ás 13.30 horas, será a quenda para a celebración en Pena Trevinca do “Día da Montaña Galega” e XV aniversario “Unha aperta a Trevinca” coa interpretación do himno do antigo Reino de Galicia por Adrián Cotado Rodríguez que volverá a emocionar a todos lembrando aquela inesquecible xornada de 15 anos atrás. Finalmente, ás 14.30 horas, realizarase a saída de Pena Trevinca e o peche da celebración en Vilanova.