A Indicación Xeográfica Protexida Vaca e Boi de Galicia vai celebrar a I Xornada Técnica, que terá lugar no Pazo de Feiras e Congresos de Lugo, o vindeiro 30 de xuño, venres. Este encontro vai dirixido a gandeiros, profesionais técnicos, industria, distribución e consumidores.
A Xornada pretende trazar unha folla de ruta sobre aspectos normativos, produtivos, tecnolóxicos e tendencias de mercado e consumo para a carne de Vaca e Boi de Galicia, que vai amparar a nova Denominación de Calidade.
Durante as sesións abordaranse a normativa reguladora por parte do director técnico da IXP, Antonio Xende; os factores produtivos e as características tecnolóxicas da ‘Vaca’ e do ‘Boi’ de Galicia, da man de Teresa Moreno, do Centro Tecnolóxico da Carne e de Santiago Crecente, do INGACAL, respectivamente; ademais dos mercados desta carne e das tendencias de consumo, a cargo do xornalista experto en comercialización de carnes e redactor de Eurocarne, David Barreiro.
A Xornada será clausurada polas autoridades da Consellería do Medio Rural e finalizará cun xantar de confraternidade para todos os asistentes.
Vaca e Boi de Galicia, soporte de calidade e valorización para o vacún de carne galego A posta en marcha deste novo indicativo de calidade para o sector de vacún de carne de Galicia permitirá mellorar a transparencia comercial e as garantías que se lles ofrecen aos consumidores en canto á calidade e á orixe do produto. A medio prazo está previsto que se acollan á IXP cerca de 10.000 explotacións gandeiras, se certifiquen anualmente unhas 25.000 canais e se comercialicen preto de 10.000 toneladas de carne de vacún maior de calidade.