O alcalde de Santiago, Martiño Noriega, presidiu o acto de sinatura do protocolo para o desenvolvemento da Vía Verde entre Santiago e Cerceda. O acordo foi asinado por Martiño Noriega e polos rexedores de Oroso, Manuel Mirás; Ordes, José Luís Martínez Sanjurjo; Tordoia, Antonio Pereira Liñares; e Cerceda, José García Liñares.
O convenio asinado substitúe ao que fora subscrito no ano 2008, e que contemplaba a creación dunha Vía Verde entre Santiago e Ordes. Agora, incorpóranse ao acordo dous concellos máis, Tordoia e Cerceda, de xeito que a Vía Verde pasará de 24 a 36,9 quilómetros de lonxitude.
O alcalde compostelán explicou que os cinco concellos implicados "levan meses traballando no proxecto, do que xa se leva falando máis de dez anos". Neste tempo, apuntou Martiño Noriega, "non se fora quen de desbloquear a cesión dos terreos por parte do Adif, un trámite que agora só está pendente da firma do convenio de aceptación das condicións do Administrador de Infraestruturas Ferroviarias". Tamén están avanzadas as conversas coa Deputación da Coruña, "que vai financiar boa parte da actuación". Por último, a Fundación dos Amigos do Ferrocarril de España, que xestiona a rede das Vías Verdes, xa ten no seu poder o novo proxecto da Vía Verde de Santiago, ampliando o seu percorrido respecto ao proxecto de 2008.