O Festival de Cans converteuse na presente edición en moito máis que o gran acontecemento cultural do mundo rural en Galicia. Pouco a pouco, o certame está defininíndose tamén como un proxecto que demostra a importancia da cultura á hora de incrementar a riqueza e postos de traballo.
Na presente edición do 2017 foron 110 os postos de traballo xerados ao longo dos catro días de Festival. Desa cantidade, 41 persoas foron dadas de alta pola organización a través de contatación directa para cubrir tarefas como producción, cátering, merchandising, barras, transporte ou coordinación de diversas áreas.
No tocante ao número de profesionais autónomos aos que o Festival contratou os seus servizos, 19 persoas desenvolveron o seu traballo en tarefas como deseño, comunicación e redes sociais, fotografía, realización audiovisual ou como técnicos de proxección. Ademais cabe destacar que outras 50 persoas traballaron no Festival de Cans a través de empresas contratadas específicamente para o evento, que desenvolveron o seu traballo e eidos como a iluminación, son, montaxe de carpas, limpeza (12 operarios) e seguridade (14 gardas de seguridade para o sábado e o domingo).
A filosofía do Festival de Cans implica contratar preferentemente os seus servizos a autónomos, empresas e pequeno comercio de O Porriño, promover o comercio de proximidade e favorecer na medida do posible o desenvolvemento dos negocios locais. Por iso, o Festival continúa fomentando a economía de quilómetro 0 contribuíndo a unha ocupación hoteleira do 100% e promovendo o consumo en establecementos e pequenos comercios locais.
Varias semanas antes do seu comezo, cubriuse por completo a oferta hoteleira da zona, polo que numerosas persoas tiveron que buscar aloxamento en Tui, Ponteareas ou Vigo. Ademais, a raíz da gran afluencia de xente que visistou as actividades do xoves do Festival -arredor dunha 2.000 persoas-, enchéronse todas as terrazas e os locais de hostelería próximos á Praza do Concello do Porriño e, durante a fin de semana, todos os negocios de hostelería de Cans estiveron ateigados ata ben entrada a madrugada esgotando, en diversas ocasións, existencias de comida e bebida.